Boe: Nova lei para mascotas

Desde a publicación da nova lei de protección dos dereitos e benestar dos animais, é habitual toparnos con desinfomación, ás veces causada polo efecto do teléfono avariado e outras veces por datos mal comprendidos ou mal explicados.
É certo que levamos moi pouco tempo convivindo con esta lei, polo que aínda non existe un coñecemento xeral da mesma na sociedade, o que me levou a crear unha guía sinxela que poida aportar datos reais e así poder ir comprendendo entre todos como debemos proceder no termo das nosas mascotas, sobre todo da raza canina.
Aínda que a nova lei consta de apartados exclusivos para ámbito veterinario, comercio e outros temas que non atanguen á convivencia coa nosa mascota, podemos fragmentar nunha pequena guía os artigos que máis nos poden interesar.
Esta guía é completamente persoal e non ten ningunha validación legal, polo que calquera dato mal utilizado ou mal comprendido será un erro que non se debe ter en conta. Para calquera dúbida ou suxestión, este é o correo de contacto: ratzi.dx@gmail.com

Mascotas nas vías públicas

Unha das normativas das que máis se adoita falar son as relacionadas coas mascotas en lugares públicos, como debemos tratalos nos casos de querer levar connosco á mascota tanto a parques como a pasear pola vía.
Unha cousa boa que nos trae esta lei é que as nosas mascotas serán benvidas nas praias! Pode que nalgunha delas está expresamente prohibido seu acceso e estancia, as ordenanzas municipais deberán habilitar algún lugar con acceso sobre todo a mascotas da raza canina [art 29 7.].
No momento de entrar nun establecemento adoitamos atalas nos ganchos situados nas portas dos locais, os cales seguen sendo utilizables aínda coa nova lei. Explícome: unha mascota non debe ficar soa sen supervisión [art 27 d.], polo tanto non se a debe deixar soa para entrar nós no centro comercial, mais se o lugar é a farmacia ou o quiosco, lugares pequenos dende onde podes supervisar en todo momento á mascota, segue estando permitido, xa que ela non estará sen supervisión nin mal atendida. Isto sempre tendo en conta que non quedará aí por un longo período de tempo.
Tendo en conta estas novas normas, a nova lei tamén recolle apartados que tratan os dereitos das mascotas en establecementos, transportes e edificios.

Mascotas en establecementos e transportes

A partires de agora, tódolos establecementos permitirán a entrada das nosas mascotas [art 29 2.], a excepción de aqueles que informen explicitamente e claramente a prohibición do seu acceso (seguramente haxa algún establecemento que deixaremos de visitar por ser o único en toda a aldea que prohibe o acceso da nosa mascota) [art 29 3.].
Con isto tamén debemos ter en conta que a partires de agora se lles  permitirá o acceso no transporte público e non tan público como taxis ou concesións privadas do transporte público [art 29 1.].

mascotas no noso coche

Outro dos temas máis escoitados na actualidade é o caso de deixalas soas no coche, que pode ser unha mala comprensión dunha das novas normativas [art 24 d.]. Ben, isto non está para nada prohibido, simplemente se expresa que debemos cumprir co seu benestar [art. 59 1. e.]. Isto quere dicir non deixar o coche ó sol, abrir un pouco as fiestras para que entre o aire e non deixalas durante un excesivo período de tempo [art 60 2.].
E teremos que mercar unha gaiola para transportar á nosa mascota? Non necesariamente no caso dos exemplares caninos, nese caso seguen a estar vixentes as normativas viarias [art 60 6.].

integración da mascota no núcleo familiar

Aínda que é certo que se permite ter mascotas vivindo no exterior da casa, está expresamente prohibido mantelas atadas [art 25 l.] e, aínda que estea permitido, tamén se expresa que a mascota deberá pertencer ó núcleo familiar [art 26 a. b. c.], polo tanto, coidado con deixala solta na leira todo o día, este lugar deberá ser propicio para o seu benestar [art 28 1.]. O que está expresamente prohibido é manter-las mascotas en terrazas, balcóns ou habitacións pechadas, actos habituais en vivendas sen terreo ó aire libre [art 27 e.].

mascotas sen liberdade

E por último e non menos importante, todas aquelas mascotas que adoitan vivir en gaiolas como paxaros ou tartarugas, deberán habitar en lugares propicios para o seu benestar [art. 24. 2. a.][art 26 g.].

Resumo

Con todo isto, o que busca esta lei é unha convivencia sa entre humanos e animais, perseguindo aqueles actos de crueldade cara as mascotas e promovendo o bo comportamento delas cara o resto da sociedade. É unha lei progresista que fará que tódalas persoas empaticemos coas mascotas. Mais o punto feble desta lei é a exclusión destas boas prácticas a tódolos animais non mascotas, como poden ser os cans de caza, o criadeiro en masa de alimento de orixe animal e a tauromaquia. Agardemos que nun futuro non moi lonxano amplíen esta lei e engloben por fin a tódolos animais que teñen trato co ser humano e así deixalos a eles gozar tamén dunha vida apracible.